Mareas vermellas e algas tóxicas non son o mesmo
As mareas vermellas son coloracións ou manchas da auga de mar producidas por altas concentracións (varios millóns de células por litro) de microalgas. A súa coloración é variada e, dependendo dos pigmentos das microalgas que as producen, poden presentar distintas tonalidades -alaranxadas, avermelladas, pardentas, verdosas…
En Galicia, a maioría das mareas vermellas están formadas por microalgas inocuas.
Por tanto, a coloración da auga non é indicativa de perigo para o consumo humano. A confusión xorde da idea de que todas as mareas vermellas son producidas por algas tóxicas, que é falsa. As algas tóxicas non sempre colorean a auga durante as súas proliferacións. A observación dunha marea vermella pode provocar alarma social e, se son recorrentes, mesmo perdas económicas en zonas turísticas.
As microalgas tóxicas son unha minoría entre a diversidade de especies de fitoplancto. Non necesitan alcanzar densidades que coloreen o mar para que as súas proliferacións produzan toxicidade. En Galicia, estas microalgas raramente producen coloración apreciable a simple vista. En cambio, os moluscos bivalvos poden filtralas e acumular toxinas que se transmiten á rede alimentaria: peixes peláxicos planctívoros -como as sardiñas- aves, mamíferos mariños e, por suposto, ao ser humano. As proliferacións deste tipo de microalgas denomínanse floracións de algas nocivas ou episodios tóxicos.
Por último, destacar que algunhas especies de microalgas son ictiotóxicas e chegaron a causar grandes mortaldades en peixes, tanto salvaxes como cultivados. Galicia non é unha rexión especialmente ameazada, aínda que Heterosigma akashiwo afectou a cultivos de robaliza en 1987 e Dictyocha speculum causou a morte de miles de salmóns en 1996.